top of page

IDADE MEDIA

SOCIEDADE

Logo da caída do Imperio Romano boa parte do territorio que actualmente ocupa Europa divídese en pequenos reinos ou feudos nos que o poder político exérceo a nobreza, aristócratas, señores feudais que son os posuidores da terra e polo tanto tamén do poder económico.

O clero tamén podía ser posuidor de terras e asimesmo acumulaba unha grande riqueza cultural e artística. Constrúen numerosos mosteiros e catedrais convertidos en centros culturais que acumulan o saber da época nas súas bibliotecas. A importancia do clero nesta época fai que a relixión na sociedade estea presente en múltiples aspectos da vida convertindo á Idade Media nun periodo caracterizado polo teocentrismo

O resto da poboación prácticamente eran súbditos dos anteriores (nobres ou clérigos), vasalos que traballaban as súas terras de cuxa explotación tiñan que ceder unha parte aos seus señores. A cambio, o pobo recibía protección militar ou espiritual dos terratenentes. (Ver vídeo)

MÚSICA

MÚSICA RELIXIOSA MONÓDICA (CANTO GREGORIANO)

A música relixiosa desenvolverase nos centros relixiosos ligada á liturxia do rito cristián. Tradicionalmente críase que o papa Gregorio Magno (de aí o nome "gregoriano") impulsara a compilación dunha serie de cantos relixiosos (de autoría non coñecida) para unificar o rito cristián en todo este territorio , pero agora crese que foi feito polos reis carolinxios nos sec. VIII e IX.

Era un repertorio pechado de cantos interpretadas por monxes que debían saberse de memoria. Estes cantos eran:

 - monódicos: interpretados a unha única voz

 - a capella, sen acompañamento instrumental

 - corais (coro de monxes, aínda que podía haber pasaxes solísticos)

- Empregan modos. Continúan co sistema de escalas semellante ao que existía na Antiga Grecia.

 - con ritmo libre, adaptado á pronunciación e significado do texto

 - musicalizan textos sagrados en latín.

Exemplo: "Pater noster" (Ver vídeo)

O propósito fundamental do canto gregoriano era o de ser o soporte ou vehículo da palabra de Deus, dos himnos relixiosos, dos evanxeos. A mensaxe, a palabra, o texto era o máis importante. De feito rexeitaban o exceso de adorno musical e por suposto o acompañamento instrumental. A lingua empregada era a oficial da Igrexa naquel tempo: o latín. Carecía de acompañamento instrumental; era, polo tanto “a capella”. Sen embargo hai constancia de instrumentos vencellados ao ámbito eclesiástico (Ver vídeo)

Transmitir a palabra de Deus a través da música tiña un propósito pedagóxico, instructivo e posiblemente fora un bo recurso nemotécnico para memorizar esas ensinanzas. A música debería imitar ou asemellarse ao xeito en que un orador declamaría ou recitaría un texto e iso facía que non se usara un ritmo marcado se non “libre”, evitando a sensación de un pulso marcado senon máis ben dun fluir sonoro relaxante, envolvente e moi continuo.

Os 3 grandes estilos de canto gregoriano que xurdiron virían determinados pola acomodación da melodía ao texto en canto a correspondencias entre:

Número de notas <———> sílabas

Cando un canto gragoriano presenta:

unha nota cantada ——————-por cada sílaba pronunciada do texto ———> ESTILO SILÁBICO (Ver vídeo)

entre 3 - 5 notas cantadas ———-— por cada sílaba pronunciada do texto: ———> ESTILO NEUMÁTICO (Ver vídeo)

moitas notas cantadas —————-—- por cada sílaba pronunciada do texto: ———> ESTILO MELISMÁTICO (Ver vídeo)

ESCRITURA MUSICAL: (Ver Vídeo)

A escritura musical que dá orixe ao sistema que actualmente empregamos (pentagrama con notas de cabeza redonda) empeza a desenvolverse arredor do ano 1020.

Os primeiros datos de notación musical na historia veñen da Antigüidade Grega. Os poucos restos de escritos musicais daquela época amosan como anotaban os sons musicais a través de letras. Tiñan unha notación alfabética. A cultura romana herdou este sistema de notación.

Epitafio de Seikilos (Ver Vídeo)

Coa chegada da Idade Media e a aparición dos códices onde se rexistraban por escrito os cantos gregorianos que os monxes debían saber de memoria (o equivalente a unas 80 horas de música!!!), os cantores viron a necesidade de facer anotacións escritas a modo de recordatorios por riba das liñas do texto da letra das pezas que interpretaban. Eran trazos esquemáticos, aproximados, que simbolizaban a dirección melódica do canto que acompañaba o alí escrito. Eses bosquexos, chamados neumas, imitaban o xesto que coa man facía no aire o director do coro cando indicaba aos cantores-monxes como debían entoar. Este tipo de notación aproximativa, imprecisa, e que servía de recordatorio aos cantores chámase notación neumática.

Notación neumática

Posteriormente, estes neumas empezaron a colocarse sobre un número de liñas progresivamente crecente. Comezaron con unha e foron incrementándose ata consolidarse 4 para a música relixiosa. As liñas representaban alturas de notas indicándose cunha letra (ao igual que na notación alfabética da antigüidade grega) o nome dunha delas ao inicio da liña. 

Durante a Idade Media tamén se empregou a chamada notación cadrada. Entre os amanuenses empezou a extenderse o uso dun tipo de pluma con punta biselada cuxo trazo era cadrado. O sistema de notación evoluciona indicando cada son individual como un elemento gráfico expresado cun trazo cadrado.

Vídeo explicación partitura canto gregoriano: (Ver vídeo)

Tamén é medieval a aparición do nome actual das notas. O paso da denominación de letras a sílabas débese a Guido d’Arezzo. Este monxe e mestre de música propúxose que os seus alumnos memorizaran a afinación das notas da escala. Para iso valeuse do Himno adicado a San Xoan “Ut queant laxis no que cada verso comezaba nunha nota sucesiva da escala dende DO. Deste xeito entoando só a primera sílaba de cada verso conseguiríase cantar a escala de DO.

"Ut queant laxis": (Ver vídeo)

Sen embargo, se ves a partitura do vídeo comprobarás que a primeira nota non coincide coa sílaba "DO" nin a primeira do último verso coa sílaba "SI". A primeira sílaba en principio era "ut" pero acabou cambiándose por "DO" que procede dunha palabra moi importante no mundo relixioso: DOminus ("señor"). Por outra parte, a sílaba inicial do último verso ("sanc") foi cambiada pola sílaba "SI" que procede da unión das primeiras letras de Sanct Ioannes que é o nome en latín do santo ao que estaba adicado este himno. Resulta así a nota SI. 

APARICIÓN DA POLIFONÍA NA MÚSICA RELIXIOSA

A partir do s. IX os músicos relixiosos renovan os cantos da Igrexa. Para iso empezarán a "experimentar" coa polifonía. Comezarán tomando unha melodía dun canto gregoriano xa existente (á que chamarán vox principalis) e superpoñerán outra melodía simultánea á que chamarán vox organalis. Deciden que a distancia que deben manter entre sí estas dúas voces e de 5ª. Deste xeito crean un novo tipo de peza musical: o organum.

 

O número de voces organalis que se engaden pode ser variable. Se só engaden unha xa dixemos que ten que estár unha 5ª por riba da voz principalis e chamarémoslle organum duplum.

Se engadimos unha segunda vox organalis (xa sería un organum triplum) estará colocada unha 4ª por debaixo da vox principalis. Se engadísemos unha terceira vox organalis teríamos un organum quadruplum, e se colocaría unha 4ª por riba da primeira vox organalis (ou o que sería o mesmo: unha 8ª por riba da vox principalis) (Ver breve vídeo explicativo)

Este que acabamos de explicar sería un tipo de organum que chamamos Paralelo porque todas as melodías que combina polifonicamente camiñan simultáneas e gardan sempre unha distancia constante entre sí.

Pero existiu tamén outro tipo de organum que chaman Florido ou Melismático. Neste, a vox principalis alonga moito as notas da melodía do canto gregoriano no que se inspira e, sobre ela, a vox organalis (normalmente só unha) faiunha melodía nova chea de melismas melismas. (Escoita Leonin)

Estes 2 tipos de organum todavía presentan un tratamento do ritmo semellante ao do canto gregoriano (libre). Aínda non se aprecia un pulso medido, estable e constante. Non será até máis adíante cando se faga unha polifonía máis complexa que combine diferentes melodías simultáneas pero suxeitas a un esquema rítmico marcado e constante (como por exemplo este do s. XIII de Perotin (Escoita Perotin)

Máis adiante (s. XIV) aparecen novas formas polifónicas coma:

Motete: composición vocal, polifónica, baseada en melodías litúrxicas gregorianas. (Ver primeiros motetes) - (Ver motetes máis tardíos ne Idade Media)

Canon: composición polifónica, na que as voces entran sucesiva e escalonadamente, unha tras outra, repetindo a mesma melodía. (Ver vídeo)

A MÚSICA PROFANA OU CIVIL

O propósito desta música era o de amenizar festas, entreter, acompañar danzas en plazas, castelos, casas señoriais…

Uns dos artistas máis relevantes neste estilo de música serán os trobadores.

Os trobadores foron poetas-músicos aristócratas que ían de corte en corte actuando e proporcionando lecer e diversión a outros aristócratas. Provenza en Francia ou Galicia foron territorios onde a súa actividade estivo especialmente presente. A temática das súas pezas músico-poéticas era amorosa aínda que tamén podían ensalzar a heroicidade de cabaleiros ou mesmo tratar temas satíricos. Dentro da temática amorosa hai que destacar aquelas obras nas que o trobador declara o seu amor á muller doutro nobre (amor cortés). Trátase dun amor non carnal que só ten como obxecto enaltecer as virtudes físicas e morais desa muller. As cantigas de amor da nosa Lírica Galego-Portuguesa medieval son un bo exemplo. (Vídeo trobadorismo)

Que é o amor cortés? (Ver video)

Outros dos músicos-intérpretes desta época son os xograres. Estes non teñen unha procedencia social aristocrática como tiñan os trobadores, e normalmente non compuñan poemas ou obras musicais. Eles só eran intérpretes que combinaban a súa destreza para cantar e tocar instrumentos con outras habilidades como acrobacias, números circenses, etc...

Diferenzas entre xograres, trobadores (e goliardos) (Ver vídeo)

A música civil que vimos estudar será monódica, escrita a unha única voz. Tamén será modal, é dicir, emprega un sistema de escalas semellantes aos que xa se empregaban na Antiga Grecia. Sen embargo, a diferenza da relixiosa, pode ter acompañamento instrumental (non ten que ser a capella). O xeito en que os instrumentos acompañaban á voz era tocando as mesmas notas que aquela simultáneamente ou facendo pequenos adornos ou variacións (heterofonía). 

 

  • Os textos estaban escritos na lingua propia de cada territorio (lingua vernácula).

  • O ritmo das obras era marcado, con acentos claros (pode chegar a ter carácter bailable)

  • A melodía era cantabile, con estructura clara e repetitiva para axudar á súa memorización.

 

As composicións dos trobadores galego-portugueses levan o nome de cantigas. Segundo a súa temática estas podían ser:

 

  • Cantigas de amor: louvaban as virtudes físicas e morais da súa amada (aristócrata), sendo este un amor dirixido á unha muller casada, á que se refire como “senhor” ou incluso “cabaleiro”. Esta temática procede de cancións que xa facían os trobadores na zona de Provenza (Francia). (Ver vídeo)

  • Cantigas de amigo: nestas, o trobador, escribe e canta como se fose unha muller que lamenta a ausencia do seu amado (“amigo”). Este tipo de temática parece común ao mundo árabe. As cantigas de Martín Codax son deste tipo. (Ver vídeo)

  • Cantigas de escarnio e maldicir: son cantigas nas que o autor critica, búrlase dalgunha circunstancia (social, política, rivalidade entre poetas, nobres, cabaleiros…) (Ver vídeo)

 

En Galicia terán especial relevancia un conxunto de pezas especias: as “Cantigas de Santa María”. En principio poderían relacionarse coa música relixiosa pola súa temática, pero teñen trazos que as alonxan das caráctersticas propia da música relixiosa propia da Idade Media: a lingua non era o latín, presentaban un carácter rítmico marcado, un deseño repetitivo e ben estructurado da súa melodía, a aceptaban acompañamento instrumental.

 

Este conxunto de pezas adicadas a Sª María foron un intento do rei Afonso X O Sabio (1221 - 1284) de compilar obras espalladas por toda Europa ensalzando á Virxe.

Escoita unha delas: Santa María Strela do Dia (Ver vídeo)

 

INSTRUMENTOS NA IDADE MEDIA

Instrumentos:

 

Seikilos2.jpg
notacion_neumatica.jpg

IES de beade

bottom of page