
Departamento de Música IES Beade
SISTEMAS DE GRAVACIÓN E REPRODUCCIÓN DO SON
Se non contásemos con sistemas de gravación e reproducción do son, a música sería unha arte que non deixaría rastro unha vez se interpretara. As obras so existirían no momento no que os/as músicos/as a porían en práctica e (de non estar eles/as presentes) non se podería volver escoitar. O único rexistro que podería quedar dunha peza musical sería a partitura, pero esta non che permite escoitala.
Dende a Antigüidade o ser humano fantaseou coa posibilidade de que o son puidese ser almacenado nalgún tipo de obxecto ou soporte. Existen relatos deses tempos nos que se fala de "bustos parlantes"; "esponxas que absorben o son que hai ao seu redor e ao ser estruxadas volven emitilo"; ou "libros que emiten as palabras que teñen escritas". Pero todo isto non foron máis que ilusións que tardaron séculos en poder facerse realidade.
O primeiro grande avance que se produciu foi a reproducción mecánica do son.
Un dos primeiros pasos que se conseguiron dar foi o de lograr que o/a músico/a non tivese que estar presente para que un instrumento soara. Estes exemplos están programados para emitir un repertorio limitado de peza musicais e ademáis só poden emitir o son que lles é propio.
-
Carillóns automáticos: son campanarios mecanizados. Xa existentes na Idade Media. Habitualmente estaban sincronizados co mecanismo dun reloxo que activaba, ao chegar a certas horas do día, tiradores ou impulsores de martelos que golpeaban un conxunto de campás ben acordadas e acompasadas en certa orde para que emitisen un fragmento de música. (Ver vídeo)
-
Caixas de música: Son caixas que conteñen cilindros con pugas movidos por un mecanismo de reloxería que activan golpeadores que fan soar pequenos intrumentos de láminas. Podían estar programados para emitir máis dunha peza musical (3 ou 4 como máximo, xeralmente) (séc. XVIII, XIX). (Ver vídeo)
-
Pianos mecánicos ou pianolas: Son pianos que conteñen no seu interior un rolo de papel perforado. Os seus furados deixan pasar un aire que, por absorción, fai activar os martelos que golpean as cordas do piano. No caso da pianola, pódense "crear" novos rolos perforados. Ao interpretar unha obra musical se ira perforando un rolo que se vai desplegando no interior do instrumento. Ese papel perforado resultante servirá para que se reproduza na pianola esa mesma interpretación posteriormente pero sen necesidade da presenza do músico que anteriormente a executou. (dende 1887). (Ver vídeo)
O seguinte avance foi o de lograr a gravación e reproducción mecánica do son.
-
Paleófono (1877): Charles Cros enuncia o seguinte principio teórico: "se unha membrana provista dun punzón traza un suco pola acción dun son, ese suco fará vibrar a membrana cando o punzón volva pasar por el, recuperándose o son inicial". El quixo poñer en práctica esta teoría nun invento que non chegou a contruir: o paleófono.
-
Fonógrafo (1878): baséase no mesmo principio de Cros. Thomas Edison inventa un aparello que reproduce o son rexistrado nun cilindro acanalado cuberto, inicialmente de estaño, e máis tarde de cera. Como curiosidade, a primeira peza musical gravada nun fonógrafo foi "Mary had a little lamb". (Ver vídeo)
-
Gramófono (1896): Aparello que transforma o formato do obxecto onde se rexistra o son de un cilindro a un disco. Inicialmente estes discos serán de ebonita e posteriormente de pizarra. Mellorará en distintos aspectos ao seu antecesor, o fonógrafo:
-
Permite unha máis doada e numerosa duplicación dos discos.
-
A duración das gravacións será máis longa.
-
Mellora a calidade de son (aínda que todavía non ten a nitidez actual).
-
Facilita o seu transporte e almacenaxe. Ocupan menos espazo e son máis doados de levar de un lugar a outro.
-
Todo isto permitirá que co gramófono comece a industria fonográfica. (Ver vídeo)
Posteriormente a tecnoloxía permitirá a gravación e reproducción eléctrica (analóxica) do son. Introdúcese a electricidade no proceso (1920-1925).
Nos anteriores soportes a gravación era un proceso mecánico, agora será un proceso diferente. Necesitará dos seguintes elementos:
- Micrófono: Elemento que recolle o son como una enerxía mecánica e o convirte nunha enerxía eléctrica. (Ver vídeo)
- Amplificador: Aparello que aumenta a potencia eléctrica do sinal recibido do micro.
- Altofalante: artefacto que recibe o sinal xa amplificado e o volve convertir en ondas mecánicas. Invirte o proceso que fixo antes o micrófono. (Ver vídeo)
Estes son elementos que interveñen no proceso de gravación e reproducción eléctrica (anolóxica) do son.
Vexamos algúns soportes que naceron grazas a esta forma de rexistrar o son.
-
Tocadiscos: podemos consideralo unha electrificación do gramófono. O punzón convirtiese nunha delicada agulla que percorre os micro-sucos dun disco feito de vinilo. Este proporciona ás gravacións maior duración (usan as dúas caras do disco) e calidade, sendo ademáis un material máis resistente e lixeiro. Exténdense 2 formatos: o LP (longa duración [40 minutos]) e o single (unha soa canción por cara). [Ver vídeo]. Se queres saber como se fabrican en serie os discos: [ver vídeo]
-
Magnetófono: rexistra o son nunha cinta ferromagnética. Proporciona maior duración e calidade no proceso de gravación. Nel grávase a música que logo se volcará ao vinilo. O formato empregado no estudio de gravación coñécese como cinta magnetofónica de carrete aberto; pero existe unha versión doméstica, na que se comercializan tamén os lanzamentos discográficos, que coñecemos como cassette ou music-cassete. `[Ver vídeo]
O máis recente avance sería a gravación e reproducción dixital do son. Para iso necesitouse crear un ADC (conversor analógico/dixital) que codificara un sinal sonoro analóxico (eléctrico) en series de 0 e 1 para rexistrar o son nun soporte (p. ex. CD), e posteriormente invirte o proceso (de dixital a analóxico) para reproducilo.
-
CD (compact disc): disco de plástico (policarbonato). Almacena até 80 min de información. Ten unha grande calidade de son aínda que algo menor que a do vinilo. Saíu ao mercado supoñendose que non se deterioraba; non obstante os primeiros CDs están experimentando un desgaste que dificulta a súa reproducción. O CD é lido por un láser que detecta nunha das finas capas internas que configuran o disco diminutas cavidades ou saíntes que son decodificados como "0"s ou "1"s. Esta información binaria (dixital) é na que está rexistrada a música almacenada no CD, que logo será decodificada novamente a impulsos eléctricos para ser amplificada e, por último, emitida por un altofalante.
-
DAT (digital audio tape): cinta magnética menor que o cassete. Ten maior calidade e duración que o CD. Actualmente non se fabrican pero úsanse ou teñense usado para almacenar copias de seguridade (backups) de programas de TV, radio, masters, etc…
-
MP3: Os arquivos MP3, son un tipo de formato de audio comprimido. O MP3 almacena só audio e o MP4 almacena audio e vídeo. Ao ser arquivos comprimidos, facilitan a transferencia de aquivos a través de Internet sen perder demasiada calidade de son. Son o formato preferido para transferir e empregar arquivos de audio en webs e en dispositivos portátiles de reproducción multimedia (tablets, smartphones, reprodutores...). Reducen nunhas 11 veces o tamaño dun audio respecto a un CD xa que recorta ou elimina aquelas frecuencias que non son perceptibles polo oído humano.